Friday 26 de April de 2024

Podemos Cambre denuncia o engano das quendas de enchido de piscinas


Tras esixiren datos rexistrais concretos sobre as cifras de piscinas desglosadas por parroquias ao Concello de Cambre o pasado once de xuño, Podemos Cambre denuncia a inexactitude dos datos proporcionados polo Concello.

Así, o Concello contestou que non ten un censo concreto de piscinas, aparte das cinco piscinas municipais, pero “estímase a existencia de aproximadamente 1.510 piscinas” segundo a análise dos datos cartográficos existentes e non aportan ningún dato sobre a capacidade da auga que consumen. A estimacion facilitada polo Concello supon que,aproximadamente, existe unha piscina por cada dezaseis cambresas.

Dado que no Concello tampouco dispoñen de datos desglosados por parroquias, califican de “engano a veciñanza” a proposta de Patiño de realizar quendas por parroquias para encher as piscinas como única medida para resolver o problema da turbidez da auga da traida que levan anos a sufrir en Cambre.

Estas quendas de enchido por parroquias propostas por Patiño son “totalmente inútiles”, segundo denuncia Podemos Cambre, porque non terían en conta a distribución real daspiscinas no territorio nin o seu volumen, dado que o propio Concello afirma carecer desa información. “Se non saben o número de piscinas, onde están e a capacidade das mesmas, ¿que quenda poden facer?”. A formación reitera a esixencia dunha solución definitiva ao servizo da auga en Cambre, que leva 16 anos cun contrato en precario, con continuos episodios de turbidez a longo do ano e sen acometer a renovación da rede de subministración.

Desde Podemos Cambre lembran que fai un ano que o interventor municipal, despois de presentar obxeccións ao pago de facturas para a prestación deste servizo público co contrato caducado, instou á licitación inmediata deste servizo e avisou da incerteza xurídica de continuar cun contrato que considera nulo: “Coma sempre seremos as veciñas as que paguemos a mala xestión do equipo de goberno.”

O pasado mes a formación morada xa expuso a sua atitude crítica coa explicación oficial do enchido masivo de piscinas como causa da turbidez das augas de Cambre e, facéndose eco das veciñas afectadas, reclamou medidas alternativas como que o Concello asumise o coste económico das reparacións necesarias en electrodomésticos, substitución de filtros, e outros danos consecuenciais do estado das augas municipais. Estas peticións quedaron sen resposta por parte do Concello.